Santuario
Santuario de Santo André de Teixido
Cedeira · A Coruña

O santuario de Santo André de Teixido é unha capela situada no lugar de Santo André de Teixido, na parroquia de Régoa, no leste do concello de Cedeira, e preto de cabo Ortegal. É un famoso lugar de peregrinación, ao que, segundo o dito popular "vai de morto quen non foi de vivo". A romaría principal ten lugar o 8 de setembro, aínda que ao longo do ano se celebran outras menos concorridas, como a do 30 de novembro, santo André, máis litúrxica. Cargado de forte significación antropolóxica; dende o punto de vista artístico, o máis notable é o retablo barroco, pois o valor arquitectonico do conxunto é escaso. Considérase que a peregrinación a este lugar vén xa dende a Idade de Ferro, porén o primeiro rexistro do que hai constancia é do ano 1391. Tamén foi citada polo Padre Sarmiento no seu libro Viaxe a Galicia (1754-1755), despois de visitalo. Ó longo de todos estes séculos varias tradicións forxáronse ó redor deste culto, e forman parte xa da súa lenda. == Lenda do santuario == Hai unha lenda de clara orixe popular que explica as orixes do santuario. A lenda parte sempre da chegada do apóstolo santo André ou dos seus restos a este punto de xeografía galega. Nunha primeira versión, santo André queixase ao Noso Señor do afastado e montesío do sitio que vai facer que ningún romeiro se achegue ata tan lonxe, ao que Cristo responde: Quédate eiquí, san Andrés,/que de mortos ou de vivos/todos te virán ver. Noutra versión, santo André compárase co seu compañeiro de apostolado, Santiago, que ten templo grande, camiño de sona e miles de romeiros, mentres que el apenas ten fieis que lle recen. Tamén neste caso o Señor promete compensarlle a suposta aldraxe asegurándolle que han de ir de mortos os que non foron de vivos. == Peregrinación == Os romeiros tiñan o costume de botar unha pedra nos amilladoiros situados ao longo do camiño (cóntanse ata 20 amilladoiros entre o lugar de Veriño de Abaixo e Teixido). As pedras do amilladoiro di a lenda que "falarán" no Xuízo Final para dicir quen cumpriu coa promesa de ir a Santo André. A peregrinación a Teixido considérase que se deu xa a partir da Idade de Ferro, cando a cultura castrexa. Porén, o primeiro rexistro da existencia de peregrinación dáse no ano 1391, no testamento dunha señora de Viveiro, que di "Iten mando yr por min en romaria a Santo Andre de Teixido, porque llo tenno prometudo, et que le ponnan enno seu altar hua candea commo he hua muller de meu estado". Na zona de Cotobade chámaselle Camiño de Santo André á Vía Láctea e dise que remata enriba da capela do santuario. == O templo == === Historia === A capela atópase situada na serra da Capelada, preto dos cantís sobre o mar, a escasos quilómetros de cabo Ortegal. O santuario foi estudado por primeira vez de forma científica por Federico Maciñeira e Pardo de Lama, historiador ortigueirés, no libro "San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones", publicado en 1921 e reeditada de forma facsimilar en dúas ocasións. A segunda obra fundamental no estudo desta capela é "El Santuario de San Andrés de Teixido", editada en 1972 por Rafael Usero, actual cronista oficial de Cedeira. En ambos traballos dáse conta de que o culto ou interese polo lugar é anterior á chegada do cristianismo á zona. O Padre Sarmiento visitou esta igrexa o sábado 14 de xuño de 1755 e referiuse a ela como pequena, vella e indigna, na que, agás o retablo, non existía adorno algún. O templo ten a súa orixe nun mosteiro do que se ten constancia da súa existencia desde o século XII, baixo a protección dos condes de Trava. En 1196 entregárono a orde de San Xoán de Xerusalén, que tiñan a súa base en Portomarín. Tempo máis tarde o templo pasou a mans dos Andrade de San Sadurniño, familia da que se conservan os seus escudos na fábrica, xunto coa cruz dos cabaleiros de Xerusalén e a lenda "D SAN IVAN".…
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗