Museo
Verbum - Casa das palabras
Vigo · Pontevedra · 2003

O Verbum - Casa das Palabras é un museo interactivo da cidade de Vigo, dedicado aos ámbitos relacionados coa comunicación humana, deseñado coma un espazo cultural, lúdico e divulgativo no que os visitantes poidan participar dun modo activo nos elementos expositivos. Un espazo de entretemento que permite experimentar e coñecer a través de xogos todo o relacionado coa comunicación: as linguaxes, os idiomas, as palabras, as letras, os sons, os signos, os símbolos, a vista, o oído, a lectura, a escritura, a literatura, a tecnoloxía etc. En 2025 anunciouse que o Verbum trocaría a súa finalidade e converteríase no Museo de Historia da cidade de Vigo. == O museo == Verbum é un vocábulo latino que significa "palabra", porque a palabra é a orixe do contido do proxecto e o latín é a lingua que deu orixe ás linguas románicas, entre as cales está a lingua galega. Tomando a palabra como unidade mínima de significación, os contidos de Verbum desenvólvense en catro disciplinas xerais: linguas, ciencias, literatura e tecnoloxía. O museo está situado a carón da praia de Samil, fronte á ría de Vigo, nunha das principais zonas de lecer da cidade olívica, que dispón dun longo paseo marítimo que bordea a praia, ademais de zonas verdes, instalacións deportivas, parques infantís, establecementos de hostalería e aparcadoiros. A superficie total construída é de máis de 5.000 m², localizados nunha parcela de máis de 13.000 m². O edificio foi deseñado polo arquitecto galego César Portela, e está estruturado en catro andares (souto, baixo, andar superior e cuberta) unificadas por unha caixa de luz que as atravesa e as relaciona, e na que se estruturan as comunicacións verticais (escaleiras e ascensores). O proxecto en síntese é un conxunto de caixas, que como ocorre coas caixas chinesas, se conteñen unhas ás outras e se mesturan entre si, xerando espazos e situacións interrelacionadas. O conxunto parece sosterse no baleiro, en tanto que cada caixa se deseña convenientemente: rásgase, agrétase, manipúlase, para permitir a entrada da luz, que ao seu paso vai creando ámbitos claros ou escuros, recintos bañados por luces cambiantes a medida que transcorre o día, polos que transitan os visitantes á vez que descobren o rico, o complexo, o insólito, que pode chegar a ser o mundo da palabra. Á expresividade do espazo e das formas súmanse a expresividade da escultura e a pintura. No xardín da entrada principal encóntrase a escultura en bronce de Sergio Portela O susurro. Á entrada do auditorio está A censura, unha talla de Manuel Coia: un personaxe cortándolle a lingua a outro como mostra da censura da liberdade de expresión. Por último, presidindo o grande espazo central, un fresco de José María Báez titulado As palabras. == Contido do museo == O deseño expositivo de Verbum organízase en 29 cubos de madeira interactivos -correspondentes ás letras do alfabeto- nos que se desenvolven diferentes temáticas das que trata o museo, sempre arredor da comunicación humana. Pódense diferenciar as catro grandes áreas antes mencionadas, que serven para marcar os itinerarios dos diferentes percorridos a realizar. Linguaxe e comunicación: Nesta zona amósase o uso da palabra na comunicación, tanto de forma oral como escrita. É a forma básica de comunicación, a máis sinxela e a máis empregada (linguaxe verbal); e non sempre son necesarias as palabras para facerse entender, basta cun xesto, unha sinal, unha imaxe, para transmitir todo aquilo que se quere expresar (linguaxe non verbal). Literatura: A través de diferentes cubos pódense percorrer diferentes xéneros e formas de facer desta disciplina que converte as palabras en arte. Ciencias: A ciencia tamén está presente no museo, dado que está intimamente ligada ao fenómeno da comunicación. Amósase o funcionamento da boca e as cordas vocais, como vai o son polo aire ou o que se escoita no baleiro. Tecnoloxía: Son moitos os avances que contribuíron a mellorar os sistemas de comunicación: as tecnoloxías da información e a comunicación, xa desde a invención de telégrafo ou o teléfono até Internet. == Servizos adicionais ==…
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗
Para ir
Horario Tu-Fr 17:00-20:00 · Sa-Su 12:00-14:00
Entrada De pago
Cadeira de rodas Si
Teléfono +34 986 240 130