城墙

Muralla de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela · A Coruña · 1100

Muralla de Santiago de Compostela

A muralla de Santiago de Compostela, da que soamente quedan algúns lenzos, rodeaba a cidade de Santiago de Compostela até o seu derrubamento no século XIX, aínda que na actualidade se conservan algúns restos, sendo o maior o arco de Mazarelos. Existen, así mesmo, algunhas partes ocultas polas casas actuais. A traza da muralla é claramente visíbel aínda sobre o plano da cidade antiga de Santiago, cuxo urbanismo veu determinado pola existencia desta fortificación.

Orixe

No ano 968 Sisnando II de Iria amurallou a zona que ocupaba a igrexa anterior á actual catedral de Santiago e os seus límites inmediatos, conformando o núcleo coñecido como Locus Sancti Iacobi. Este ocupaba tan só o espazo que hoxe ocupan a catedral, a praza da Quintana e o convento de San Paio de Antealtares, cunhas poucas rúas anexas. Esta muralla, que se complementaba cun segundo anel formado por fosos e estacadas, foi case totalmente destruída pola expedición de Almanzor en 997. A mediados do século XI, dado o auxe da cidade, que comezaba a ser un florecente lugar de peregrinación, unido ao medo a unha incursión normanda ou árabe, fixo que o bispo Cresconio construíse unha nova muralla moito maior sobre o anel de foso e estacadas. Esta nova muralla, que tiña uns 2 km de contorno e cubría un espazo interior de 30 ha, é en esencia a que se manterá ata o século XIX e protexía os novos arrabaldes que se ían formando arredor do Locus. Da primeira muralla, que desapareceu moi pronto baixo as novas edificacións, apenas quedan unhas poucas pegadas que se acharon na zona da Acibecharía. En 2009, durante as obras de remodelación do antigo Banco de España para habilitar as novas dependencias do Museo das Peregrinacións, atopouse unha sección en bastante ben estado desta primeira fortificación.

Características

Os muros estaban construídos con cascotes irregulares de pedra tipo xisto, cunha altura duns 5 m e un grosor duns 2,5 m. Estaban ameados, aínda que non se coñece a forma exacta, e reforzados a intervalos regulares por torres cuadrangulares, 48 segundo o plano de 1595. A súa forma de ril dispoñía o seu eixe máis longo orientado Norte-Sur. As portas estaban construídas con cantaría máis fina e argamasa e ao exterior estaba rodeada por un foso.

Portas

A muralla orixinal tiña 7 portas, ás que se foron engadindo outras co paso dos séculos. O Códice Calixtino describe as primeiras sete portas do seguinte xeito: As entradas e portas da cidade son VII. A primeira entrada chámase Porta Francíxena; a segunda, Porta da Pena; a terceira, Porta de Sofrades; a cuarta, Porta do Santo Peregrino; a quinta, Porta Falgueira, que conduce a Padrón; a sexta, Porta de Susannis; e a sétima, Porta de Mazarelos, pola que chega á cidade o precioso Baco. No século XIII ábrese a Porta Nova da Vila (ou da Rúa da Pena) e nos séculos XIV e XV aparecen outras portas menores para uso peonil, como a das Algalias, a de San Fiz ou a do Souto. As tres portas principais da cidade foron, por orde de importancia: A porta Francíxena ou do Camiño: Nela desembocaba o Camiño Francés e era considerada como a porta principal da cidade. Nas súas proximidades empezaron a aparecer as tendas e albergues para os peregrinos. A porta Faxeira: Por ela entraban os peregrinos procedentes do Camiño Portugués, xunto co peixe dos portos de Padrón, Noia, Pontevedra e Fisterra. O seu nome quizais veña da existencia de faias na zona. A porta de Mazarelos: Comunicaba coa praza de Mazarelos de Santiago, e por ela entraba o viño da Ulla e do Ribeiro, así como os cereais de Castela. A porta de arco de medio punto peraltado ten pegada no lateral sur unha edificación que conserva as bases da torre grande defensiva que flanqueaba a porta. É a única que se conserva na actualidade. === Influencia urbanística ===…

维基百科加利西亚语词条,采用 CC BY-SA 许可。 阅读完整条目 ↗

在地图上查看在维基百科阅读路线

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

附近