mapagalicia.es

De onde saen os datos

Todo o que hai aquí vén de fontes abertas. Cada ficha di de onde sae o seu contido, e esta páxina explica que se pode facer con el e que obrigas leva.

OpenStreetMap — ODbL 1.0

A xeometría (costa, provincias, ríos, Camiños, límites municipais) e boa parte do catálogo veñen de OpenStreetMap. A licenza é ODbL, que obriga a dúas cousas: atribuír —o mapa leva a atribución visible— e, se se distribúe unha base de datos derivada, publicala coa mesma licenza.

Iso non impide cobrar por un servizo construído enriba, e tampouco obriga a abrir o código da web: o que se comparte é a base de datos derivada, non o programa. Convén telo claro antes de asinar nada.

www.openstreetmap.org/copyright ↗

Wikidata — CC0

Nomes, coordenadas, tipos, datas e os nomes noutros idiomas. CC0 é dominio público: sen obrigas. É a fonte máis cómoda e por iso é a base do catálogo.

www.wikidata.org/wiki/Wikidata:Licensing ↗

Wikipedia — CC BY-SA 4.0

Os textos das fichas. Obriga a atribuír e a manter a mesma licenza no texto reutilizado. Cada ficha dío ao pé, coa lingua do artigo.

É a fonte máis esixente: se algún día se quixese vender contido pechado, os textos habería que reescribilos ou substituílos. O resto do proxecto non se ve afectado.

gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Dereitos_de_autor ↗

Wikimedia Commons

As fotos. Cada imaxe ten a súa propia licenza —normalmente CC BY-SA— e a súa autoría: debaixo de cada foto vai o nome de quen a fixo, a licenza e a ligazón ao ficheiro orixinal en Commons. Non se serven copias: apúntase ao ficheiro orixinal.

commons.wikimedia.org/wiki/Commons:Licensing ↗

NASA FIRMS, GBIF e iNaturalist

Focos de calor por satélite (NASA, dominio público) e rexistros de cetáceos (GBIF e iNaturalist, licenzas abertas por rexistro). Son datos en directo e non se almacenan: consúltanse e caducan.

firms.modaps.eosdis.nasa.gov ↗

Prensa galega

A lapela «Hoxe» le as portadas abertas en RSS de Nós Diario, GCiencia, Faro de Vigo, La Región, El Correo Gallego, Diario de Pontevedra, El Progreso, La Opinión da Coruña, Atlántico Diario e Economía Digital Galicia. Amósanse só o titular e o medio, e a ligazón leva sempre ao xornal: aquí non se reproduce ningunha noticia nin se garda o seu texto.

www.nosdiario.gal/ ↗

Open-Meteo

O tempo e o estado do mar —temperatura, ceo, vento, altura das ondas, temperatura da auga, orto e ocaso—, con licenza CC BY 4.0. Consúltase en directo e non se almacena.

open-meteo.com/en/license ↗

A vieira xacobea

O símbolo que marca o Camiño no mapa é de Marco Perez Kistler (CC BY-SA 4.0), debuxado a partir da descrición oficial publicada no Diario Oficial de Galicia. Non é obra deste proxecto.

commons.wikimedia.org/wiki/File:Vieira_Xacobea.svg ↗

O que engade este proxecto

A taxonomía de 16 categorías e 84 tipos, as iconas de gravado, as rexións turísticas, a medida de sona a partir das visitas a Wikipedia, os plans de viaxe e o propio programa. Iso é traballo orixinal e non vén de ningunha fonte externa.

Instituto Geográfico Nacional — ortofoto PNOA

A vista aérea de hoxe é o PNOA de máxima actualidade do IGN: 25 centímetros por píxel na maior parte de Galicia. Por baixo dela queda o mosaico mundial Sentinel-2 cloudless de EOX (CC BY 4.0), que cobre o que o PNOA non chega a cubrir — Portugal, o mar— para que non haxa ocos.

Ambas se serven desde os seus propios servidores, coa atribución visible no mapa. Non se descargan nin se rehospedan.

pnoa.ign.es ↗

Instituto Geográfico Nacional — voo americano de 1956

A vista de Galicia en 1956 son as ortofotos do voo americano Serie B, que o Army Map Service dos Estados Unidos fixo sobre España entre 1956 e 1957 e que o IGN publica en aberto no seu servizo PNOA histórico. Sérvense directamente desde os seus servidores, coa atribución visible no mapa.

Non se descargan nin se rehospedan: se o IGN cambia ou retira o servizo, esta vista deixa de verse, e é o correcto que así sexa.

pnoa.ign.es/pnoa-imagen/fotogramas-y-ortofotos-historicas ↗

Se algo está mal

Se atopas contido teu mal atribuído, ou unha foto que non debería estar aquí, avisa no buzón e retírase. As fotos emparelladas por proximidade —as poucas que hai— indícano na propia ficha precisamente por isto.