Cova

Cova do Rei Cintolo

Argomoso · Mondoñedo · Lugo

Cova do Rei Cintolo, cova en Mondoñedo

Foto: Xelo2004 · CC BY-SA 3.0 · Wikimedia Commons ↗

A cova do Rei Cintolo está situada na parroquia de Argomoso (Mondoñedo). É a cova calcaria máis grande de Galicia e no seu interior pódense observar estalactitas e estalagmitas. Está formada por tres andares de galerías, a inferior cunha vía de auga con circulación parcialmente sifonante, que forman un total de case 7.500 metros de lonxitude, o que fai que sexa a cova coñecida con maior percorrido horizontal de Galicia, polo que é bastante coñecida.

Situación

A caverna atópase no lugar de Supena, na parroquia de Argomoso, en Mondoñedo. O enclave atópase a escasos quilómetros do centro da vila.

Historia

A cova foi explorada, do punto de vista arqueolóxico, por primeira vez por José Villa-amil y Castro na década de 1870, da que deixou constancia no seu libro Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia. En 1893 cítase no xornal La Voz de Luarca outra exploración e un ano máis tarde aparece citada na guía de Gabriel Puig y Larraz chamada Guía de cavernas de España. Daquela estimábase a dimensión da cova nuns 200 metros. En 1954, a iniciativa do Club Montañeiros Celtas de Vigo, fíxose un campamento para a exploración e topografía da caverna. Descóbrense novas zonas na cavidade, así como o río subterráneo, ao que chamaron río Celtas. Máis tarde distintos grupos espeleolóxicos de toda España foron completando as investigacións e os traballos de topografía. A finais dos anos 1960 comezan os intentos de obter unha topografía xeral da cova, ao tempo que se descobre a galería Venus á dereita da sala do Río (tamén coñecida como salas Finais do Río). En 1973 a cova gaña sona grazas a un documental de TVE, que supuxo a primeira filmación da cova. A partir daquela a caverna comezou a ser visitada por un gran número de persoas, que provocaron deterioracións no seu interior. En 1976 decidiuse colocar un enreixado, debido aos espolios que estaba a sufrir a caverna, que ameazaban coa destrución da cavidade. Nas escavacións dirixidas no verán de 2002 pola arqueóloga Rosa Villar atopáronse materiais da Idade de Ferro, da cultura castrexa (cerámica e osos de vaca, porco e cervo) na súa entrada. En 2006 o concello de Mondoñedo puxo en marcha un sistema de visitas guiadas á caverna, poñendo fin a unha época de peche que semellaba definitiva. En 2019 a cova foi recoñecida como o «mellor destino científico de Galicia» e en 2022 distinguida como a «mellor cova de Galicia».

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Datos

Tamén chamado Rei Cintolo, Cova do

Altitude do punto ≈ 347 m · Terrain Tiles

Vila máis próxima Mondoñedo, a 3,9 km

Camiño de Santiago Camiño do Norte, a 677 m

No concello viven 3.301 (2025) · IGE

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Ao lado deste lugar