Igrexa

Igrexa de San Francisco de Ourense

Ourense

Igrexa de San Francisco de Ourense

A igrexa de San Francisco de Ourense é un templo relixioso do século XIV situado xunto ao parque de San Lázaro, en Ourense. A comezos do século XX foi trasladada da súa localización orixinal, como parte do convento de San Francisco de Ourense. Foi declarada monumento histórico-artístico nacional en 1951, polo que é Ben de Interese Cultural. == Historia == A orde franciscana ten presenza en Ourense dende cando menos 1238, se ben a súa primeira residencia non se data até 1250 ou 1251, cando recibiron a doazón dunha casa-convento no Tendal da Filgueira (actual praza do Correxedor), ao leste da catedral de San Martiño de Ourense, constando o proxecto da igrexa en 1252 e en construción en 1255. En 1289 o bispo Pedro Eans prohibiu a celebración de culto e soterramentos no templo por mor do conflito que mantiña coa orden franciscana por acolleren un dos seus inimigos, quen pedira asilo en sagrado no convento tras matar un sobriño do prelado. O complexo incendiouse en decembro de 1294 ou no primeiro trimestre de 1295, o que provocou varios mortos e forzou os franciscanos a abandonar a cidade e trasladarse temporalmente a Allariz. Tras ser Pedro Eans excomungado e posteriormente perdoado polo papa Clemente V a cambio de reparar os danos provocados (plasmado nunha bula papal datada en 1307 ou 1308), comezouse a proxectar o levantamento dunha nova igrexa e convento en Montealegre, nun terreo cedido polo cabido (a bula obrigaba a este último a ceder un terreo da súa propiedade para a erección do novo convento e ao bispo a financiar a construción do mesmo), se ben tras falecer Pedro Eans en 1308 sen que comezasen as obras, tiveron que ser os seus herdeiros os encargados da reedificación. Os traballos tiveron o apoio de Gonzalo Núñez de Novoa e do bispo Gonzalo Daza e Osorio, parentes do prelado e membros da casa de Maceda. Estímase que os labores comezaron arredor de 1310 e remataron cara a 1330 ou en 1350. Documentos de 1348 proban a existencia dun hostal e unha enfermaría. Ergueuse un claustro gótico no século XIV e outro no século XVIII. En 1835 tivo lugar a exclaustración do convento no marco da desamortización de Juan Álvarez Mendizábal, quedando o templo sen culto e en posesión do bispado por desexo da raíña rexente María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias. O Concello de Ourense, propietario do convento, cedeulle as instalacións ao Exército o 25 de abril de 1843, e ese mesmo ano pasou a ser un cuartel. En 1844 trasladouse dende A Coruña un batallón ao mando do tenente coronel Ángel Martín Mouriño. En 1883 procedeuse á redacción dun proxecto, asinado polo coronel Gerardo Dorado Gómez, destinado a restaurar o cuartel. Arredor de 1905 elaborouse un memorando asinado polo comandante Bonifacio Menéndez Conde no que se detallan as obras necesarias para a reparación das instalacións co fin de albergar un batallón de infantería, que se instalou ese mesmo ano. O cuartel deixou de funcionar en 1984, pechou de forma definitiva o 31 de decembro de 1987 e o coronel Isidoro Formoso entregoulle as chaves ao Concello o 18 de xuño de 1993. Pola súa banda, a Terceira orde de San Francisco, con sede na rúa Ervedelo, ocupouse da igrexa entre 1867 e 1920, tras o cal quedou abandonada durante case unha década, e numerosas pezas ficaron repartidas en diferentes edificios da cidade, como parte do retablo do Santo Cristo da Esperanza, custodiado na igrexa de Santa Eufemia; unha talla de san Boaventura conservada no Museo Catedralicio, obra de Juan de Acosta; unha imaxe da Inmaculada Concepción situada tamén no museo e atribuída a Francisco de Moure; unha talla de San Diego de Alcalá, obra probablemente de Juan de Angés o Mozo conservada no Museo Arqueolóxico Provincial; e unha imaxe da Inmaculada facturada por Jean de Joigny, conservada tamén no Museo Arqueolóxico Provincial.…

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Ao lado deste lugar