Dolmen
Mámoa do Rei
Vilaboa · Pontevedra

A mámoa do Rei ou Chan de Castiñeiras 1 é un túmulo megalítico de aproximadamente 26 metros de diámetro e 2 metros de altura situado no concello de Vilaboa, a carón da lagoa de Castiñeiras. Está catalogado coma Ben de Interese Cultural. == Descrición == É unha mámoa que pertence ó conxunto de Chan de Castiñeiras, do que se coñecen outros sete túmulos e polo menos dúas cistas. Esta é a de maior tamaño do conxunto. No exterior quedan restos dun anel lítico perimetral (que delimita o túmulo) e dunha coiraza no lado oriental. No seu interior ten unha cámara megalítica poligonal cun pequeno corredor que non se diferencia en planta, no que conserva gravados e restos de policromía. Foi escavado en 1975 por un equipo baixo a dirección de Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza. Entre 2001 e 2003 leváronse a cabo traballos para a súa posta en valor nos que se inclúen: unha prospección, unha escavación e unha reconstrución integral do dolmen intratumulario. == Gravados == Os gravados atópanse na cara interna dun dos ortóstatos de granito que da aceso á cámara. Trátase de varias filas de liñas en zigzag sobre as que aparece unha figura cruciforme rematada cun buraco ovalado. Fixéronse mediante o picado da superficie da rocha cun instrumento afiado, o que produce sucos con esquinas en ángulo. Isto permite analizar os sucos, dos que diferénciase dous tipos: no cruciforme os sucos teñen unhas dimensións de 30mm de ancho por 5mm de profundidade, o resto das figuras teñen -en tódolos casos- 25mm de ancho por 3mm de profundidade. A pesar desta disparidade de tamaños predomina a opinión de que tódolos gravados se fixeron no mesmo tempo, xa que a técnica é a mesma. É probable que a cara da peza onde están fose preparada mediante un traballo de alisado da superficie. Esta suposición faise a raíz dunha comparación coa superficie do resto dos ortóstatos, aínda que cabe a posibilidade de que se trate da cara externa da rocha da que se quitou o laxe. A decoración das liñas de zigzag parece ligada ó megalitismo e os petróglifos, nos que abundan os motivos xeométricos. Mentres que o cruciforme pódese interpretar coma un antropomorfo, podería ser un paralelo do do dolmen de Axeitos. == Rehabilitación == O primeiro que se levou a cabo foi a re-escavación arqueolóxica do túmulo e unha prospección intensiva da área do arredor (na que se atopou un depósito de cerámica). Coa escavación descubriuse a estrutura tumularia: unha coiraza de pedras, un anel lítico no perímetro e un “atrio de aceso” no que se detectou a presenza de seis ídolos líticos (un con forma antropomorfa). E as formas arquitectónicas do seu interior: a cámara poligonal ten 5m e diferenciáronse polo menos tres áreas pavimentadas que se superpoñen na área do aceso, o que se correspondería coas diferentes fases construtivas. A intervención permitiu obter suficientes datos coma para facer unha proposta de rehabilitación. A prioridade era manter unha boa conservación do monumento trala súa escavación. Dos ortóstatos só catro dos orixinais se conservan (un é o que ten os gravados) polo que o equipo estudou as técnicas construtivas dos dolmens da zona para proceder a súa reconstrución da forma máis fiel posible. Unha vez rematada a estrutura intratumularia fíxose unha reconstrución volumétrica do túmulo usando a terra retirada durante a escavación e sementouse unha cuberta vexetal, por último volveuse a colocar a coiraza de pedras. == Inventario == Durante a escavación desta mámoa polo equipo dirixido por Sobrino Lorenzo-Ruza atopáronse numerosos restos recollidos por Antonio de la Peña dos que só se conservan os que están en cursiva: Área 2: Fragmento cerámico vermello decorado con liñas paralelas (14x18x12 mm) - Sete cristais de rocha - Tres lascas de cuarzo - Fragmentos cerámicos pequenos - Pequenos anacos de limonita - Pequenos fragmentos de óso - Fragmento de sílex (12x7 mm) - Bordo dun pequeno vaso de cerámica - Dúas puntas de frecha de sílex Área 3: Un cristal de rocha - Tres lascas de cuarzo - Pequenos fragmentos de cerámica - Bóla de granito pulida de 70 mm de diámetro…
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗
Chegar en bus
- A Grañaa 986 mCPI DO TOURAL-SOBREIRA · CPI DO TOURAL-SOBREIRA · CPI do Toural-Cabanas (N-550) · CPI do Toural-Cabanas (N-550)
Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.