Faro

Faro de illa Pancha

Ribadeo · Lugo · 1983

Faro de illa Pancha

O vello faro de illa Pancha atópase na illa Pancha, na parte máis occidental da ría de Ribadeo. Foi comezado a construír en 1857. Comparte illa co novo faro, o único en funcionamento como tal dende 1983. Pertence ó Dominio Público Portuario do servizo de sinalización marítima. Dende 1993 depende da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. == Historia == Planeado como unha luz de terceira orde destinada a alumear a entrada á ría e ao porto de Ribadeo, e contratado o 31 de maio de 1857, este faro inaugurouse o 30 de decembro de 1859 cun alcance de 9 millas náuticas. Unha real orde do 29 de novembro de 1860 dispuxo o seu acendido para o 30 do mes seguinte coa aparencia de luz fixa vermella e 9 millas de alcance. Este faro estivo activo ata o 1 de outubro de 1983, data na que entrou en funcionamento o novo faro. O proxecto do enxeñeiro Marcelo Sánchez Movellán, cun orzamento de 47 500 reais, ideou unha luz simétrica, elevada 9 m sobre o terreo (24 m sobre o nivel do mar), coa torre cadrada de 3,5 m de lado e 6,7 m de altura encaixada no centro dun edificio de planta cadrada e 128 m² de superficie para así protexela dos temporais. A torre remata nun balcón de ferro forxado e unha torre octogonal para soportar a lanterna hexagonal de vidros planos. En 1858 engadiuse unha ponte de ferro sobre tres piares ancorados en dous illotes. Como faro de illa, e a categoría da súa luz, debía estar atendido por dous torreiros; con todo, para economizar no servizo e suprimir un encargado decidiuse construír unha ponte de unión con terra. En 1883 substituíuse a lámpada por unha de petróleo dunha mecha. En 1917 entrou en servizo un xogo de pantallas para producir ocultacións. No último terzo do século XX foi construído un segundo faro na illa, o único que funciona dende 1983, se ben o vello faro aínda mantén montada a lente de Fresnel. O novo faro ten unha torre illada con lanterna de montantes inclinados, acadando a súa luz as 21 millas náuticas. É un dos 187 do patrimonio administrado por Portos do Estado (dependente do Ministerio de Fomento). Coa adopción do faro no 1993 pola Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao instalouse un sistema de alimentación de reserva composto por baterías encargadas de subministrar a corrente continúa en caso de fallo da rede eléctrica. Tamén foi monitorizado o faro na súa totalidade para ser supervisado dende o centro de control situado no porto de Ferrol. En 2002 realizáronse actuacións na illa para mellorar a contorna dos faros antigo e novo. No ano 2004 reforzouse a ponte de acceso á illa. No ano 2006 substituíuse o equipo luminoso de reflectores por unha lanterna de óptica xiratoria con paneis de Fresnel e con cambiador de lámpada principal e outra de reserva de 70 W. No ano 2014 comezou o proceso para que o vello faro sexa usado coma hotel no marco da iniciativa 'Faros de España', contando con oposición veciñal. En abril de 2017 comezou a actividade como apartamentos turísticos con dúas habitacións. == Notas == == Véxase tamén == === Bibliografía === Pazos, Lino (2003). Faros de Galicia. Guías Galaxia. Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-636-3. === Outros artigos === Lista de faros de Galicia === Ligazóns externas === Mapa dos faros e balizas da Autoridade Portuaria de Ferrol Listaxe de faros en Galicia Arquivado 02 de outubro de 2015 en Wayback Machine. (en inglés)

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Ao lado deste lugar