Igrexa

Igrexa de Santa María do Azougue

Betanzos · A Coruña

Igrexa de Santa María do Azougue, igrexa en Betanzos

Foto: Jaume Meneses · CC BY-SA 2.0 · Wikimedia Commons ↗

A igrexa de Santa María do Azougue atópase situada na cidade de Betanzos, na provincia da Coruña. Está declarada Monumento Nacional, e Ben de Interese Cultural por Decreto de 1944.

Historia

Foi construída entre a segunda metade do século XIV e a primeira do XV sobre outro templo máis antigo de época románica. A obra promovérana os condes de Andrade: Fernán Peres de Andrade o Boo e o seu sucesor Fernán Pérez de Andrade o Mozo.

Descrición

Igrexa de estilo gótico, presenta unha planta basilical de tres naves con catro tramos, sen abovedar e desembocando todas elas nunha tripla ábsida; a central máis ancha que as laterais. A capela maior debuxa unha traza poligonal, heptagonal, mentres que as capelas absidais teñen planta cadrada. Estas tres dependencias son as únicas que se cobren con bóveda de aresta. O coro levántase aos pés do templo. Da ornamentación interior destaca o retablo da capela maior. No século XV instalouse nese lugar un retablo hispano-flamengo, que foi substituído na súa armazón por outro novo en 1748, no cal se colocaron as tallas góticas do orixinal, con representación da vida de Cristo en madeira dourada e policromada. No ano 1981 foron roubadas tódalas súas tallas, aínda que posteriormente se foron recuperando. Iluminan o interior do templo catro fiestras con parteluz, xunto a outras máis modernas a capela maior, e unha sinxela, coetánea á igrexa, a capela absidal do Evanxeo. No ano 2022 lévanse a cabo na igrexa de Santa María labores de restauración patrocinados pola Xunta de Galicia. Durante a restauración e co traslado do retablo de San Pedro, queda ao descuberto un arcosolio decorado con volumes en pedra e policromías, e descóbrese que acolle un enterramento decorado cun panel de pintura mural na zona superior. O conxunto ata agora descoñecido na igrexa de Santa María, constitúe o único arcosolio funerario que conserva policromías e pinturas murais na vila de Betanzos. No seu exterior sobresaen as portadas. Na fachada principal encóntrase o tema da Epifanía, e sobre fornelos preséntanse as imaxes da Anunciación. A portada norte reproduce o tema do Xuízo Final, no que San Miguel pesa nunha balanza a alma dun xusto en actitude orante, mentres un morto recibe dun monstro un chorro de líquido fervente. A porta de entrada está cuberta por un arco de medio punto, decorado con arquiños a xeito de palmeiras invertidas e nas arquivoltas varias ordes de motivos vexetais e xeométricos. No tímpano dúas escenas da Adoración dos Reis e a Anunciación. Enriba loce un amplo rosetón.

Galería de imaxes

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Datos

Que é Monumento

Dedicado a Santa María

Tellado Tella

Paredes Pedra

Protección Ben de Interese Cultural

No catálogo RI-51-0001162

Altitude do punto ≈ 22 m · Terrain Tiles

Vila máis próxima Betanzos, a 309 m

Camiño de Santiago Camiño Inglés, a 14 m

No concello viven 13.508 (2025) · IGE

Para ir

Enderezo Rúa do Azougue, Betanzos

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Ao lado deste lugar