Museo
Museo Provincial de Lugo
Lugo · 1932
Foto: Lancastermerrin88 · CC BY-SA 4.0 · Wikimedia Commons ↗
O Museo Provincial de Lugo foi fundado pola Deputación de Lugo no ano 1934. A idea de crear un museo provincial xurdiu en 1932 coa proposta de reunir e protexer os bens do patrimonio cultural lucense, até daquela esparexidos ao longo da provincia en coleccións privadas. Atópase no centro da cidade, na praza da Soidade.
Historia e características
A primeira sede do museo estableceuse no Pazo de San Marcos (baixo a dirección de Luis López-Martí Núñez), e contaba con varias salas nas que se expoñían diferentes materiais arqueolóxicos, históricos e artísticos. En 1957, decidiuse mudar a localización do museo, xa que o continuo incremento de fondos fixera pequeno o espazo adicado ás exposicións. O lugar elixido foi o antigo convento de San Francisco, remodelado e ampliado polo arquitecto vigués Manuel Gómez Román, quen se inspirou na estrutura dos Pazos galegos para o deseño do novo edificio. Das dependencias do convento conserva a cociña, o refectorio (ámbolos dous do século XVIII) e mailo claustro (do século XV). O 1 de marzo de 1962 o Museo Provincial de Lugo foi declarado Ben de Interese Cultural. En 1983 o material etnográfico que posuía o Museo trasladouse ó Museo etnográfico e histórico de San Paio de Narla (Friol), que se constituíu así na sección de etnografía do Museo Provincial de Lugo. A montaxe desta sección realizouna o arqueólogo Felipe Arias Vilas. En 1997 o museo ampliouse de novo, segundo un proxecto do arquitecto Antonio González Trigo. Esta ampliación inaugurárona os Duques de Lugo o 16 de xaneiro de 1997.
Fondos
Os fondos do Museo distribúense en 28 salas repartidas en dúas plantas. Refectorio, cociña e claustro do convento de San Francisco. No refectorio expóñense distintas maquetas de construcións tradicionais galegas (casas, pallozas etc.). Na cociña, con diverso mobiliario propio dunha cociña tradicional, destaca a lareira de cantería. O claustro xa fora declarado Ben de Interese Cultural en 1931; nel exponse unha ampla mostra de aras e estelas romanas, sartegos e laudas sepulcrais medievais, escudos heráldicos e distintas esculturas relixiosas, así como unha completa colección de reloxos de sol (sendo o máis antigo un de 1685). Mostra tamén catro pezas dun baldaquino procedente da igrexa de Santa Mariña das Fragas (O Campo Lameiro, Pontevedra). Salas de arte sacra: expoñen cadros de pintura relixiosa dos séculos XV ó XX, esculturas, cruces procesionais e diversos obxectos relixiosos. Salas dos mosaicos de Dédalo e Pasífae . Nun espazo polo que se accede á sala de exposicións temporais do Museo expóñense dous mosaicos romanos procedentes das escavacións realizadas na rúa Armañá (Lugo). Un deles representa o mito de Dédalo, construtor do labirinto, e Pasífae, esposa do rei Minos, e o outro consta de motivos florais xeométricos. Nun lateral desta sala pódese ver a estela funeraria de Crecente, dos séculos I-II d.C. Sala de Prehistoria e Arqueoloxía: expón numerosos obxectos atopados nas escavacións arqueolóxicas realizadas na provincia, nun abano temporal que vai desde a prehistoria ata a romanización. Entre eles destacan os torques de Burela, de Viveiro ou de Mondoñedo, o carneiro alado de Ribadeo e a Tabula hospitalis do Courel. O 24 de outubro de 2013 ás 10 horas os representantes dos herdeiros de Álvaro Gil acudiron ao Museo para facer cumprir a sentenza que obriga á devolución das pezas da colección marchando con 40 destas pezas. En xuño de 2014 a Deputación de Lugo anunciou que ía mercar a colección de ourivaría de Álvaro Gil para devolvela ó Museo Provincial. A Deputación pensaba mercar estas pezas por un total de 2 964 000 euros. Finalmente esta compra foi realizada o 10 de febreiro de 2015 por 2 346 200 €, ós que hai que engadir outros 600.000 € que tamén se aboaron ós herdeiros de Álvaro Gil en concepto de gastos xudiciais.…
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗
Datos
Que é Monumento
Fundado por Deputación de Lugo
Inaugurado 1932
Quen o coida Deputación Provincial de Lugo
Protección Ben de Interese Cultural
Altitude do punto ≈ 459 m · Terrain Tiles
Vila máis próxima Lugo, a 204 m
Ruta que pasa preto Vía Romana XIX, a 93 m
No concello viven 100.071 (2025) · IGE
Para ir
Horario Mo-Fr 09:00-21:00 · Sa 10:30-14:00,16:30-20:00 · Su 11:00-14:00
Teléfono +34 982242112
Enderezo Praza da Soidade, s/n
Chegar en bus
- Ronda da Muralla 70a 363 mMonforte E.A.-Hospital HULA · Hospital Monforte de Lemos-Hospital HULA · A Coruña E.A.-Matogrande-HULA-Lugo E.A. · A Coruña E.A.-Matogrande-HULA-Lugo E.A. · Monforte E.A.-Lugo E.A. · Hospital HULA-Monforte E.A.
- Avda. da Coruña (ronda da Muralla)a 379 mLugo E.A.-Lugo E.A. · Friol-Lugo E.A. · Friol-Lugo E.A.
- Ronda da Muralla 56 (sindicatos)a 384 mAs Rodrigas-Lugo E.A. · As Rodrigas-Lugo E.A.
Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.