Cabo e punta
Seixo Branco
Oleiros · A Coruña

O Seixo Branco é como se coñece un filón branco de cuarzo situado na costa de Serantes, no concello de Oleiros, facilmente recoñecible dende o mar, e que, inclusive serve de orientación aos navegantes pola zona. == Situación == Está dentro da zona especial de conservación (ZEC) Costa de Dexo, que ocupa o tramo costeiro comprendido entre o faro de Mera e o porto de Lorbé, entre as rías de Ares e Betanzos, e Ría da Coruña no denominado Golfo Ártabro. Este espazo natural, de gran riqueza biolóxica, demais está declarado como monumento natural. A perspectiva panorámica na súa proximidade permite contemplar o cabo Prior, a ría de Ares e a cidade da Coruña, coa Torre de Hércules. Tamén se divisa dende el o illote coñecido como A Marola, que inspirou o refrán mariñeiro "Quen pasou A Marola, pasou a mar toda", facendo referencia á bravura do mar nesta zona da costa. == Natureza == Resultan interesantes, ademais, as formacións xeolóxicas que se dan nos acantilados da zona. Trátase de covas mariñas chamadas furnas, orixinadas pola erosión superior do vento e a erosión inferior do mar. Coa marusía, a auga canalízase polas cavidades e acelérase dado o estreitamento, saíndo á superficie a modo de chorro pulverizado. Entre elas cabe destacar A Regocha, Ollo Pequeno e Ollo Grande. O clima oceánico húmido consegue manter unhas temperaturas pouco flutuantes ao longo do ano. A fauna que habita estes cantís está composta principalmente por aves mariñas, como a gaivota patiamarela (Larus michahellis) e o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis). Entre as plantas especializadas que enraízan nas fírgoas dos saíntes graníticos está a armeria pubigera e unha especie moi predominante, o toxo (Ulex europaeus). == Historia e turismo == A súa situación estratéxica converteu este lugar nunha localización dunha batería militar deseñada antes da guerra civil e abandonada a partir da segunda guerra mundial. Pouco antes de chegar a Seixo Branco, está o faro de Mera e un pequeno centro de interpretación na que foi a antiga casa do fareiro. Tamén se atopa preto o castro de Subiña, exemplo representativo da cultura castrexa. Trátase dun recinto duns 150 metros de diámetro, fortificado en dúas estruturas circulares concéntricas, aínda sen escavar. == Notas == == Véxase tamén == === Outros artigos === Costa do Dexo-Serantes === Ligazóns externas === Xunta de Galicia. Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Costa de Dexo Seixo Branco en Turgalicia
Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗