Arquivo e biblioteca histórica

Arquivo Xeral Territorial da Xunta de Galicia en Lugo

Lugo · 1998

Aínda non hai foto de Arquivo Xeral Territorial da Xunta de Galicia en Lugo

Se tes unha, súbea a Wikimedia Commons ↗ coas coordenadas postas e chegará soa a este mapa e a calquera outro que use datos abertos. Ou mándanola.

{{Location|43.01394|-7.56056}}

O Arquivo Xeral Territorial da Xunta de Galicia en Lugo é o primeiro arquivo da Administración autonómica de Galicia creado para recoller os documentos da Administración periférica. Depende organicamente da Delegación Territorial de Lugo, Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e, funcionalmente, da Subdireción Xeral de Arquivos, dentro de Secretaría Xeral de Cultura. Ten a súa sede no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo. Para desenvolver as súas funcións, o arquivo dispón na actualidade, polo que respecta aos espazos e locais, de 70 m² de oficina e tres locais nos sotos, que contan cun total de 3 700 m de estantes. Os usuarios principais deste arquivo son as oficinas produtoras que poden consultar os seus documentos dende o mesmo momento da transferencia.

Historia

Os antecedentes deste arquivo atópanse na reunión, nun único edificio administrativo, da maioría das delegacións provinciais da Xunta de Galicia en Lugo, a finais dos anos 90. O Arquivo Histórico Provincial e a Delegación Provincial da Consellería de Cultura expoñen a necesidade da creación dun arquivo administrativo para a custodia dos documentos das delegacións provinciais. A comisión xestora do edificio recolle a proposta e comeza a traballar para dotar de espazo de oficinas e de depósitos óo futuro do Arquivo Territorial. Respecto do espazo, a comisión xestora destina uns 100 m² para oficinas e 3 locais para depósitos nos sotos do edificio, un deles xa dotado inicialmente con armarios de andeis de tipo compacto, con capacidade total para recoller aproximadamente 3,5 km de documentos. Este proceso desemboca na creación do Arquivo Xeral Territorial, mediante a Resolución do 11 de setembro de 1998 pola que se publica o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 10 de setembro de 1998 que aproba o Plan de racionalización de efectivos do novo edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo. Nesta resolución créase o arquivo como un dos servizos xerais do edificio administrativo e aparece na Relación de postos de traballo adscrito á Delegación Provincial de Cultura. No momento actual, o Arquivo Xeral Territorial de Lugo segue a consolidar a súa traxectoria como arquivo de titularidade autonómica que xestiona os documentos xerados pola Administración periférica da Xunta de Galicia. A continuidade dos traballos fai que se consigan uns resultados que melloran ano tras ano.

Contexto cultural e xeográfico

Este arquivo ten como funcións principais definir, implantar e manter o sistema de xestión documental do seu ámbito administrativo e, concretamente, recibir, identificar, avaliar, custodiar e servir os documentos producidos pola administración periférica da Xunta de Galicia en Lugo. É tamén función principal transferirlle ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo os documentos que sexan de conservación permanente, unha vez cumpridos os prazos establecidos. O arquivo responde á tipoloxía de arquivo central e intermedio das delegacións territoriais da Xunta de Galicia.

Atribucións / Fontes legais

Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia (DOG núm. 191, do 7 de outubro). Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 214, do 8 de novembro). DEROGADA. Resolución do 11 de setembro de 1998, pola que se publica o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 10 de setembro de 1998 que aproba o Plan de racionalización de efectivos do novo edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo (DOG núm. 177, do 11 de setembro). Orde do 30 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a realización de transferencias documentais con destino aos arquivos dependentes da Xunta de Galicia (DOG núm. 174, do 9 de setembro). Orde do 31 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a consulta e a reprodución dos documentos nos arquivos propios e xestionados pola Xunta de Galicia (DOG núm. 175, do 10 de setembro).…

Texto da Wikipedia en galego, con licenza CC BY-SA. Ver o artigo completo ↗

Ver no mapaLer na WikipediaComo chegar

Chegar en bus

Paradas do transporte público da Xunta. Que haxa parada non quere dicir que pase un bus hoxe: as liñas van ordenadas polas expedicións que fan, e os horarios están en bus.gal ↗.

Ao lado deste lugar